AGESTIC

Uninova coordina en Galicia “Erasmus para Novos Emprendedores”

Uninova, a incubadora de empresas da USC e membro do programa Uniemprende, participa no Programa Erasmus como organización intermedia, liderando un consorcio do que tamén forman parte as Universidades de Münster, SPINPARK de Portugal e KPLUSV dos Países Baixos.

O programa Erasmus para Novos Emprendedores é unha iniciativa dirixida a axudar a novos emprendedores (NE) a adquirir habilidades para xestionar PEMES.

Para elo os emprendedores terán a posibilidade de compartir un tempo (de 1 a 6 meses) cun empresario experimentado doutro país da Unión Europea.

Os requisitos que debe cumprir o novo emprendedor é ter un plan de empresa ou unha empresa xa constituída de non máis de 3 anos de existencia, ademais de motivación e ganas de vivir unha experiencia que por seguro marcará a súa traxectoria empresarial.

Por outro lado, este programa tamén vai dirixido a aquelas empresas PEMES dispostas a acoller emprendedores doutros países, neste caso o único requisito é que estas empresas acolledoras teñan máis de 3 anos.

Os emprendedores coa súa participación beneficiaranse da oportunidade de aprender dun empresario con más experiencia que dirixa unha PEME noutro país da Unión Europea, facilitando o acceso a novos mercados e a busca de socios comerciais. Así mesmo, os empresarios máis experimentados que acollan nas súas entidades aos novos emprendedores poderán abrir o seu mercado a outros países da Unión Europea.

O Programa “Erasmus para Novos Emprendedores” estimula a iniciativa empresarial, a competitividade, a internacionalización e o crecemento da PEMES na Unión Europea. Ademais contribúe á transferencia de coñecementos técnicos e ao desenvolvemento da capacidade de xestión das PEMES.

UNINOVA, como organismo intermedio (IO), leva a cabo as labores de coordinación e apoio aos emprendedores e empresas participantes, así como a xestión dos emparellamentos empresariais que se xeren a nivel europeo.

Para máis información: UNINOVA Ana Bouzas Lorenzo 881 115 594 ana.bouzas@usc.es

Fonte: UNINOVA