AGESTIC

Nova edición do Programa BIC I-TEAMS

A Consellería de Economía e Industria pon en marcha unha nova edición do Programa BIC I-TEAMS, no que participarán 12 pemes para desenvolver proxectos de innovación

O Programa BIC I-TEAMS para 2012 será presentado nunha xornada que se celebrará o próximo 27 de xuño en Santiago de Compostela, e que contará coa exposición de casos de éxito de innovación como os das empresas Unio Ingenieros e GeneAqua.

Poderán participar no Programa BIC I-TEAMS as pemes que busquen a redefinición ou a mellora da súa oferta de produtos e servizos, se teñen menos de 48 meses e son de base tecnolóxica ou de coñecemento.

A Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia, a través do Centro Europeo de Empresas e Innovación de Galicia (BIC Galicia), pon de novo en marcha o Programa BIC I-TEAMS, deseñado para ensinar a innovar ás empresas galegas de base tecnolóxica e de recente creación, mediante a definición dunha carteira de proxectos de innovación e a concreción dun proxecto específico, en forma de nova proposta de produto ou servizo innovador; que xa axudara o ano pasado a 15 firmas a desenvolver procesos de innovación.

O Programa para 2012 será presentado o próximo 27 de xuño en Santiago de Compostela por Maite Cancelo, directora xeral de BIC Galicia, e Christian Larsson, experto en innovación e xerente da empresa de enxeñería Larpro Engineering

A xornada contará coa exposición de casos de éxito no marco de BIC I-TEAMS, como os das empresas Unio Ingenieros e Geneaqua. Os interesados en participar poderán inscribirse a través do correo electrónico iteams@bicgalicia.es, con data límite o luns 25 de xuño.

A metodoloxía de BIC I-TEAMS está especialmente adaptada ás necesidades das empresas que leven pouco tempo funcionando, tendo en conta os seus recursos limitados. Por iso, os requisitos de participación no Programa son que as empresas teñan menos de 48 meses e sexan de base tecnolóxica ou de coñecemento.

O equipo do Programa impartirá formación práctica e asesoramento individualizado en cada unha das firmas participantes, para que as empresas novas aprendan a desenvolver por si mesmas unha cultura empresarial de innovación e as habilidades necesarias para ofrecer produtos e servizos de alto valor engadido, axeitados ás esixentes demandas actuais dos mercados. Seguindo ese método, pódense xerar resultados en forma dunha nova carteira de proxectos e un proxecto específico de innovación nun período de tempo menor de 3 meses.