AGESTIC

Entra en servizo unha torre de telecomunicacións de Retegal que permitirá o acceso á internet a 8 núcleos do concello de Noia

O operador público Retegal, dependente da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) vén de activar unha nova torre de telecomunicacións na parroquia de Roo no Concello de Noia. A entrada en funcionamento deste equipamento facilitará o acceso á internet a 84 veciños dos núcleos de O Castro, O Mato, Muíño, Nimo e Pastoriza desta parroquia noiesa que carecían de acceso á Rede. Trátase dunha das actuacións previstas no Plan de Banda Larga da Administración autonómica.

As medidas do Plan continuarán ao longo deste ano. Desde xeito os despregamentos de redes sen fíos permitirán pasar do 75% de poboación con cobertura a preto do 91%. As restantes parroquias do Concello, Argalo, Barro, Boa e Obre contan xa cunha cobertura de entre o 96 e o 98%.

A poboación que non poida acceder á banda larga a través de redes fixas ou sen fíos cos despregamentos previstos dispón da alternativa da tecnoloxía vía satélite. Axudas de satélite Desde o pasado 26 de marzo e ata o 30 de agosto estará aberta a terceira convocatoria de axudas para contratar Internet de banda larga vía satélite destinadas a fogares e pemes das zonas con máis dificultades de cobertura de toda a Comunidade.

O programa conta este ano cun investimento de 359.000 euros, xestionado por Agader, e permitirá achegar a banda larga a case 2.400 fogares e pemes que non dispoñan de acceso á banda larga de cando menos 2Mbps, mediante outra tecnoloxía. O programa establece unha única subvención por enderezo destinada a sufragar os gastos de instalación así como o custo do equipamento do interior da vivenda ou empresa preciso para distribuír a sinal de banda larga, cunha contía máxima de 150 euros e condicionado á contratación dun servizo de cando menos 2Mbps cun período de permanencia de doce meses. Fonte: Xunta de Galicia