AGESTIC

Encontro Cooperativo Internacional. Xullo 2012

Galicia súmase a celebración do Ano Internacional das Cooperativas, mediante a realización de distintas actividades dirixidas a poñer en valor o cooperativismo como fórmula de creación de emprego, riqueza e benestar social.

Os eventos principais celebraranse na primeira semana de xullo e consistirán nun Encontro Internacional ao que están invitadas cooperativas de distintos sectores e de distintas partes do mundo e que, durante os días 5 e 6 de xullo, nos trasladarán a súa experiencia, as súas boas prácticas e, en definitiva, a súa forma de ver e entender o cooperativismo.

O día 7 de xullo está reservado para a celebración do día do cooperativismo galego e nel, realizarase a tradicional xornada de convivencia dos cooperativistas, na que se entregarán os premios á cooperación do ano 2012, así como os premios do certame “cooperativismo no ensino”, dirixido a alumnos e profesores dos centros educativos galegos.

Simultaneamente, terá lugar unha Mostra, aberta a todo o público e igualmente orientada á intercooperación, na que todas as entidades que o desexen poderán expoñer os seus produtos e servizos, así como presentar en primeira persoa o seu proxecto, quén son, a que se dedican, que ofrecen e cales son as oportunidades de colaboración.

Como actividades complementarias tamén se conta cun concurso de fotografía e de póster, a través dos que calquera persoa poderá compartir a súa creatividade e a súas experiencias e propostas co conxunto de asistentes a estes eventos.

Para obter máis información e para inscribirse nas distintas actividades está habilitada unha web específica á que se pode acceder a través do seguinte enlace: www.cooperativas2012.coop