AGESTIC

Emprendedores e empresarios lucenses en maiúscula

Logotipo oficial dos premios

A Fundación CEL-Iniciativas por Lugo distinguiu os proxectos empresariais máis innovadores e sólidos da provincia na entrega dos seus XII Premios á Iniciativa, á Actividade e á Promoción. O acto, presidido polo titular da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, foi seguido por representantes da Administración, da Universidade e dos tecidos empresarial e financeiro galego, xuntándose preto de douscentos invitados para arroupar aos protagonistas.

A cerimonia, que se celebrou no club de campo Las Bridas, abriu facendo públicos os nomes dos gañadores. A decisión dos xurados na categoría de Premios á Iniciativa Empresarial deulle o Premio a Proxectos de Creación de Empresa, patrocinado polo Banco Pastor, a Mamut Technology. O Premio a Proxectos Universitarios de Creación de Empresa, patrocinado por Caixa Galicia, foi para Litriumtech Hardware e, ademais, houbo un accésit nesta modalidade para Tenis Manager. Esta categoría pechou coa entrega do Premio á Investigación e á Innovación Aplicada á Empresa, patrocinado por Caixanova, que recaeu no proxecto "Asistencia técnica do Departamento de Xenética da USC a Ovapiscis para a obtención de reprodutores de troita arcoiris en cultivo". Concedeuse tamén nesta modalidade un accésit, para o proxecto "Produción e caracterización de Echinacea Purpurea Moench baixo distintos métodos de control de adventicias en Galicia".

Nesta edición, o Padroado da Fundación CEL quixo outorgarlle unha mención de honor, da man do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, a Óscar Fernández de la Vega, profesor titular de Administración de Empresas do IES Gregorio Fernández de Sarria, polo seu labor de difusión da cultura emprendedora entre os seus alumnos.

A categoría de Premios á Actividade Empresarial resolveuse, na modalidade de Premio á Calidade, Seguridade Industrial e Protección Medioambiental, a favor da empresa monterrosina Alibós Galicia, que recibiu o galardón da conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato Otero, e, na modalidade de Premio ao Compromiso Social e á Creación de Emprego, a favor de Maderas Besteiro, que recibiu o galardón por parte do conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra.

O Premio á Promoción, na súa modalidade única de Premio á Promoción Exterior da Provincia de Lugo, dado polo presidente da Xunta de Galicia, recoñeceu ao Consorcio de Turismo Ribeira Sacra e ao Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra.

Tras a entrega, tiveron palabras sobre a necesidade de apoiar aos emprendedores como motores do cambio tanto o presidente da Confederación de Empresarios de Lugo, quen subraiou a importancia de cambiar a mentalidade dos máis mozos para que arrisquen nestos contextos de crise e construír un futuro con probabilidades de éxito, coma o presidente da Fundación CEL, o alcalde do Concello de Lugo e o presidente do Goberno galego.

O acto finalizou coa tradicional foto de familia.

Fonte: Fundación CEL