AGESTIC

Axudas para o fomento da propiedade industrial

propiedad intelectual

Continúa aberta a convocatoria de axudas para o FOMENTO DA PROPIEDADE INDUSTRIAL da Axencia Galega de Innovación (GAIN), publicada no DOG do 24 de xaneiro de 2014 (pdf) e que estará vixente até o 31 de maio de 2014 ou esgotamento do crédito.

Con estas axudas perséguese aumentar a competitividade do sector empresarial galego, apoiando a protección da propiedade industrial desenvolvida por este, e conseguir a súa equiparación a nivel de actividade rexistral co tecido empresarial do resto do Estado.

Estas subvencións tramítanse a través da modalidade de concorrencia non competitiva, de tal xeito que se atenderán as solicitudes por orde de entrada e sen comparación con outras. Para ser beneficiario desta axuda abonda, pois, con cumprir os requisitos da convocatoria.

Ademais, os solicitantes unicamente terán que presentar unha solicitude unha vez realizados e pagados os gastos subvencionables, en lugar dunha solicitude e unha xustificación posterior.

A intensidade da axuda é do 70% dos custos subvencionables, sempre que exista crédito, e o importe da mesma non poderá superar os 30.000€, para unha ou máis solicitudes. A dotación total da convocatoria ascende a 250.000 euros.

Na páxina web de GAIN podes acceder ás bases completas da convocatoria, así como ao formulario online para a tramitación da solicitude.

Se tes calquera dúbida, GAIN pon á túa disposición un correo electrónico, infosegapi.gain@xunta.es, e uns teléfonos: 981 95 73 90 e 981 95 73 91 para atender as túas consultas.