AGESTIC

Asiste aos foros: "Obradoiros de Ideas: cara o emprendemento desde a participación"

idea

A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, da Consellería de Traballo e Benestar, está a desenvolver en 54 puntos da Comunidade os foros "Obradoiros de Ideas: cara o emprendemento desde a participación", para difundir entre a mocidade a información e as ferramentas para poder levar a cabo o desenvolvemento e execución de proxectos de participación xuvenil de calidade.

Trátase dunha ferramenta de traballo sobre proxectos de participación xuvenil en grupos reducidos, enfocados a mozos e mozas e entidades de carácter xuvenil xa decididos á presentación de propostas no marco do programa Iniciativa Xove ou outros similares, ou que ben xa teñan concorrido noutras convocatorias e busquen mellorar as súas competencias en canto á redacción e execución de proxectos.

Os obradoiros están dirixidos a menores de 30 anos, animadores xuvenís, técnicos locais de emprego, axentes de desenvolvemento local, concelleiros de xuventude, asociacións xuvenís, grupos informais e, en xeral, a calquera colectivo interesado en programas de participación xuvenil.

Tamén pretenden a consolidación dos programas de participación xuvenil como actividades de aprendizaxe non formal que lles permitan desenvolver as súas capacidades, creatividade e espírito emprendedor, involucrándose na posta en marcha dos seus propios proxectos.

O programa Iniciativa Xove sairá publicado no DOG na vindeira semana. Esta iniciativa, na que poden participar tanto asociacións formalmente constituídas como grupos informais de mozos e mozas, permite que a xuventude galega poida organizar, emprender e impulsar actividades onde os actores principais son eles mesmos. Os obradoiros achegaranse nos vindeiros días ata O Grove, Vila de Cruces, Cangas, Santa Comba, Vigo, Fisterra, Corcubión, Vilagarcía. Ourense, Narón, Curtis, Lugo, Muxía, Porto do Son, Muros, Meaño, Vilanova de Arousa, Meis, Ribadeo, A Baña, Cambados, Barreiros e Baiona.

Os lugares e horarios dos foros pódense consultar a través de xuventude.xunta.es.

Fonte: Xunta de Galicia