AGESTIC

Aberta en Santiago e Vigo a convocatoria para participar no Programa Yuzz “Mozos con ideas”

yuzz

O Centro Internacional Santander Emprendemento (CISE) e a Consellería de Traballo e Benestar abriron a convocatoria da quinta edición do Programa YUZZ “Mozos con Ideas” para a promoción do talento xuvenil e o espírito emprendedor.

A nova edición de YUZZ conta co mecenado do Banco Santander, a través da súa División Global Santander Universidades, e coa colaboración de gran cantidade de entidades públicas e privadas comprometidas co fomento da innovación e do emprendemento.

Nas súas catro edicións anteriores creáronse 400 empresas e no último ano teñen participado máis de 600 emprendedores. A Consellería de Traballo e Benestar está a cargo da coordinación do Programa YUZZ en Santiago e Vigo.

O programa, dirixido a mozos de entre os 18 e os 31 anos, ofrece durante sete meses apoio, formación e asesoramento para elaborar planes de negocio baseados en ideas innovadoras, de base tecnolóxica, propostas polos mozos seleccionados para participar no concurso.

Os tres mellores proxectos nacionais recibirán unha dotación total de 60.000 euros; 30.000 para o primeiro posto, 20.000 para o segundo e 10.000 euros para o terceiro.

Os premios locais ofrecerán aos mozos a oportunidade de viaxar a Silicon Valley (California, EEUU) para coñecer de primeira man o principal referente internacional en innovación. Durante unha semana os gañadores visitarán empresas tecnolóxicas emblemáticas, interactuarán con diferentes axentes do entorno académico e empresarial e realizarán actividades de“networking”.

A convocatoria para participar neste programa permanecerá aberta ata o 23 de abril. As bases da convocatoria e formulario de inscrición están dispoñibles en www.yuzz.org.

YUZZ pon a disposición dos participantes calquera dos seus centros, un espazo de traballo localizado en instalacións cedidas por entidades colaboradoras coa infraestrutura e o equipamento necesario para o desenvolvemento de actividades de formación e de asesoramento.

Ademais poderán acceder a programas de titorías e asesoría multidisciplinar, con apoio personalizado para cada un dos participantes. Os titores son profesionais con experiencia en plans de negocio de empresas innovadoras ou de base tecnolóxica que apoian a aprendizaxe dos emprendedores, ofrécenlles atención permanente e orientan aos participantes na formulación do seu plan de negocio.

Co programa YUZZ ponse a disposición dos participantes unha amplia rede de expertos integrada por profesionais do mundo da empresa, docentes e investigadores especializados en innovación e emprendemento. A rede está composta por máis de 200 expertos distribuídos por todo o territorio nacional que comparten cos participantes a súa experiencia docente ou profesional a través de charlas, clases maxistrais, talleres e outras actividades de formación.

A formación en creación e xestión de empresas que se lles ofrece está baseada en casos prácticos de emprendedores e orientada á adquisición de habilidades e competencias propias do emprendedor.

Consellería de Traballo e Benestar. 
A Xunta de Galicia a través da Consellería de Traballo e Benestar apoia todas as iniciativas dirixidas a fomentar o emprendemento, especialmente dos mozos galegos que apostan polas tecnoloxías da información e a comunicación e a innovación.

En concreto, este ano a Consellería de Traballo e Benestar vai destinar 25 millóns de euros aos programas de axudas aos novos traballadores autónomos, cooperativas e pequenas iniciativas empresariais co dobre obxectivo de fomentar o emprendemento e facilitar a reincorporación dos desempregados ao mercado de traballo.

Centro Internacional Santander Emprendemento, CISE
O CISE naceu en 2012, impulsado por Banco Santander, a través de Santander Universidades, o Goberno de Cantabria e a Universidade de Cantabria a través da Fundación UCEIF, con vocación de converterse en centro de referencia internacional na investigación, transferencia de coñecemento e formación en emprendemento

CISE impulsa proxectos de investigación sobre o valor da cultura emprendedora e as novas metodoloxías de emprendemento, leva a cabo o desenvolvemento de programas docentes e actividades formativas de máxima calidade e estimula a cultura emprendedora e a innovación co fin último de contribuír ao progreso económico e social. Máis información en www.cise.es

Fonte: Xunta de Galicia