AGESTIC

2ª edición dos premios ‘Emprende Gaiás-Sixto Seco’ en apoio a emprendedores culturais

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convoca a segunda edición dos premios ‘Emprende Gaiás-Sixto Seco’, concurso de ideas e proxectos innovadores co que dar apoio aos emprendedores e dinamizar as industrias culturais de Galicia. Unha convocatoria que permanecerá aberta ata o 31 de agosto e que busca poñer en marcha ideas ou proxectos innovadores no mundo das industrias culturais artelladas en tres modalidades: aplicacións informáticas ou proxectos culturais en internet, proxectos na área do deseño e na área da xestión cultural.

O premio en cada unha das modalidades será a incorporación gratuíta e durante doce meses ao espazo de coworking ‘Emprende Cultura Gaiás’ da Cidade da Cultura, a asistencia con todos os gastos pagados ao Zinc Shower, o maior meeting show de industrias culturais e creativas realizado en España; e apoio, asesoramento e formación por parte de Agadic durante os primeiros pasos da empresa. Aberto ao ámbito universitario

Esta segunda convocatoria está destinada a titulados de ciclos medios e superiores de Formación Profesional e das ensinanzas profesionais de artes plásticas, titulados e diplomados de escolas de arte, licenciados e diplomados universitarios en humanidades e/ou calquera outra rama artística e calquera outra persoa licenciada ou diplomada con vinculación no emprendemento cultural e que desexen desenvolver a súa actividade na Cidade da Cultura. Xunto coa solicitude de participación, os interesados deberán presentar os seus traballos e documentación acreditativa da súa formación á Fundación Cidade da Cultura de Galicia. Tanto as bases do concurso como a solicitude de inscrición están dispoñibles en www.cidadedacultura.org, www.agadic.info e www.edu.xunta.es.

Criterios de avaliación

Á hora de avaliar os proxectos terase en conta –e por orde de importancia- o carácter innovador e a creatividade da idea presentada, as posibilidades de se converter nun proxecto viable, a adecuación do proxecto á modalidade presentada, a integración de perfís profesionais dos participantes e a súa capacidade dinamizadora e o impacto na súa área de influencia.

Proxectos gañadores da primeira edición

Os gañadores da primeira edición xa comezaron a desenvolver os seus proxectos no coworking e están a dar os primeiros pasos no desenvolvemento dos seus respectivos proxectos. Así xa esta instalado Hugo Crespo Pazos co proxecto “Coolto”: unha ambiciosa axenda cultural galega que estará dotada de tres apartados nos que o usuario poderá atopar a axenda propiamente dita (exposicións, eventos e música), unha galería virtual na que creadores emerxentes poidan dar a coñecer e promocionar as súas creacións, e un apartado de noticias, bolsas e cursos de formación no eido cultural.

Por outra banda o de Isalbel Albela González xa está comezando a desenvolver “Boh”; unha novidosa liña de regalos e souvenirs moi vinculados coa tradición e coa modernidade galega. Por último na área da xestión cultural, Benjamín Trillo tamén está a traballar na súa proposta de novo paradigma creativo na xestión de espectáculos de Galicia cun obxectivo claro: dinamizar o tecido cultural da nosa comunidade. Un proxecto que se sustenta en tres piares: formación, centrada en estudos especializados e incorporando as últimas tecnoloxías; creación de festivais do século XXI ou nos que un espectáculo se converte en “vivencia” sacándoos fóra dos circuítos tradicionais; e promoción de novas relacións entre os colectivos que interactúan no panorama cultural, pasando dunha estrutura vertical a unha de colaboración.

Homenaxe a Sixto Seco

Os premios Emprende Gaiás-Sixto Seco homenaxean a figura dun promotor cultural de primeira orde como foi o médico e intelectual galego Agustín Sixto Seco. Ademais do seu papel clave na medicina galega, Agustín Sixto Seco participou desde a década dos 70 en proxectos editoriais como Galaxia, en padroados como o de Rosalía de Castro e da Fundación Otero Pedrayo, así como en institucións como Penzol, Castelao, Camilo José Cela e o Museo do Pobo Galego. Tras a súa morte, a colección de libros e o arquivo persoal deste intelectual –integradaspor máis de 4.000 volumes que abarca desde importante exemplares dos primeiros tempos da edición galega de posguerra, especialmente de Galaxia, atafondos americanos procedentes da emigración, abundantes obras sobre Galicia, así como de medicina ou temas históricos, relixiosos, políticos e literarios- forman parte da Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura. Fonte: Xunta de Galicia