AGESTIC

Subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora das persoas galegas retornadas

Orde da convocatoria: Resolución do 19 de febreiro de 2014, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora na Comunidade Autónoma galega das persoas galegas retornadas e se procede á súa convocatoria para o ano 2014.

Entidade convocadora: Secretaría Xeral da Emigración

Data de publicación: 26.02.2014 Estado: Procedemento aberto

Finalización do prazo de presentación de solicitudes: 30.09.2014

Obxecto: Promover o retorno das persoas emigrantes e dos/as seus/súas familiares a través do fomento do autoemprego e a actividade emprendedora das persoas emigrantes retornadas e dos seus familiares na Comunidade Autónoma galega, subvencionando os gastos iniciais que leva consigo o seu establecemento como traballadores/as autónomos/as ou por conta propia, ou como socios/as traballadores/as de sociedades laborais ou cooperativas de traballo asociado.

Persoas beneficiarias Poderán ser beneficiarias destas subvencións as seguintes persoas:

1. As persoas galegas e nacidas en Galicia que residindo fóra de España retornen á Comunidade Autónoma galega.

2. Os cónxuxes ou persoas con unión análoga á conxugal e fillos/as, das persoas relacionadas no punto 1 con residencia no estranxeiro, que residindo fóra de España se establezan na Comunidade Autónoma de Galicia. Para os efectos do establecido neste punto, terá a condición de parella de feito a que figure inscrita como tal no correspondente Rexistro de Parellas de Feito de Galicia regulado polo Decreto 248/2007, do 20 de decembro.

Requisitos

1. Requisitos comúns. Todas as persoas solicitantes deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Acreditar a condición de persoa beneficiaria de acordo co disposto no apartado anterior.

b) Estar en posesión da nacionalidade española antes do retorno a España.

c) Non ter transcorrido máis de dous anos entre a data do seu retorno a España e a data da súa alta na Seguridade Social ou mutualidade do colexio profesional para a actividade obxecto de subvención.

d) Residir e exercer a súa actividade laboral ou profesional na Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Non incorrer en ningunha das circunstancias e prohibicións para obter a condición de beneficiario de subvencións enumeradas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Requisitos específicos. Ademais dos requisitos comúns, as persoas solicitantes deberán cumprir os seguintes requisitos, segundo se trate de traballadores/as autónomos/as ou por conta propia ou socios/as traballadores/as de sociedades laborais ou de cooperativas de traballo asociado.

2.1 Traballadores/as autónomos/as ou por conta propia:

a) Ser titular ou copartícipe dun negocio ou explotación ou formar parte dunha sociedade civil ou comunidade de bens de nova creación.

b) Terse dado de alta no réxime correspondente da Seguridade Social ou mutualidade do colexio profesional que corresponda, no período comprendido entre o 1 de novembro de 2013 e o 30 de setembro de 2014.

2.2. Socios/as traballadores/as de sociedades laborais ou cooperativas de traballo asociado:

a) As entidades deberán estar legalmente constituídas e/ou inscritas no Rexistro Administrativo de Sociedades Laborais de Galicia ou no Rexistro de Cooperativas de Galicia.

b) Afiliación da entidade na Seguridade Social e de cada unha das súas persoas traballadoras no período comprendido entre o 1 de novembro de 2013 e o 30 de setembro de 2014.

c) Ao menos un/unha dos/as socios/as traballadores/as deberá ter a condición de persoa beneficiaria de acordo co disposto no artigo 3 da resolución.

Gastos subvencionables

Serán gastos subvencionables os gastos de establecemento tales como gastos de notaría e rexistro, servizos de profesionais, taxas, licenzas administrativas, gastos derivados do desenvolvemento e implantación da páxina web e da pasarela de pagamento para a realización de vendas online, publicidade e propaganda, primas de seguros, arrendamento de local, de maquinaria e de equipamentos informáticos, e subministración de servizos imputables ao desenvolvemento da actividade (calefacción, auga, electricidade, telefonía e internet), xerados no período comprendido entre o 1 de novembro de 2013 e a finalización do prazo de xustificación recollido nesta resolución. Quedan excluídos do ámbito de aplicación desta resolución os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación. Para estes efectos considerarase gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do referido prazo de xustificación.

Lugar de presentación da documentación:

As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado que figura como anexo I desta resolución, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es) de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia. Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedementos administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria. Deberá remitirse á Secretaría Xeral da Emigración, sita na rúa dos Basquiños, 2, 15704 Santiago de Compostela. A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Formularios de tramitación das solicitudes

Texto completo da convocatoria no D.O.G. (pdf)