AGESTIC

Selección de entidades colaboradoras na xestión de subvencións da Consellería de Economía e Industria para promover a sociedade da información no comercio retallista galego

Obxecto: Regular o proceso de selección de entidades colaboradoras na xestión das subvencións da Consellería de Economía e Industria para promover a sociedade da información no sector do comercio retallista galego e as condicións de colaboración (anexo I).

As entidades colaboradoras actuarán como canle entre os/as beneficiarios/as e a consellería nos termos establecidos nesta orde. Tendo en conta que as entidades colaboradoras van ser persoas suxeitas a dereito privado, a selección realízase mediante un procedemento sometido aos principios de publicidade, concorrencia, igualdade e non-discriminación e a colaboración formalizarase mediante convenio.

Así mesmo, por medio desta orde apróbanse as bases reguladoras das ditas subvencións e procedese á súa convocatoria para o ano 2011 (anexo II) e ten por obxecto promover a sociedade da información no sector do comercio retallista galego, mediante a adquisición de ordenadores, software de xestión e outros equipamentos por parte dos comerciantes retallistas galegos para o ano 2011.

Beneficiarios: Para os efectos do ANEXO I, entenderase por entidade colaboradora as empresas privadas con personalidade xurídica, validamente constituídas, así como os/as empresarios/as individuais que teñan a súa sede social ou algún centro de traballo en Galicia, que realicen actividade económica con ánimo de lucro relacionada coas accións que se fomentan a través desta orde e que acrediten os requisitos de solvencia técnica, económica e de eficacia, recollidos nesta orde e nos seus anexos.

Non poderán acadar a condición de entidade colaboradora as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de entidade que, aínda que realice actividade empresarial, careza de personalidade xurídica propia.

As entidades colaboradoras adheridas non poderán en ningún caso ser beneficiarias das subvencións convocadas nesta orde.

Para acceder á condición de entidade colaboradora, as entidades solicitantes deberán asumir os compromisos establecidos para este fin, así como reunir os requisitos e demais condicións establecidos nesta orde e nos seus anexos.

Mais información:

a) Páxina web oficial da consellería (http://economiaeindustria.xunta.es ), a súa epígrafe de subvencións e na oficina virtual.

b) O teléfono 981 54 55 97/981 54 55 07 e o fax 981 54 55 41 da dita dirección xeral.

c) O enderezo electrónico: cei.dxcomercio@xunta.es

d) Presencialmente.

Para as axudas do ANEXO II, poderán solicitar e beneficiarse das subvencións para as actuacións subvencionables recollidas no artigo 4 das bases desta convocatoria, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nesta orde, os/as comerciantes que realicen a súa actividade única e exclusivamente como comerciantes retallistas, xa sexan persoas físicas ou xurídicas, e as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado sen personalidade xurídica, legalmente constituídas, que teñan domicilio e alta fiscal no IAE para a súa actividade económica en Galicia e que, entre outros requisitos, estean incluídos dentro das agrupacións ou epígrafes correspondentes á clasificación do imposto de actividades económicas relacionadas no anexo IV desta orde, e non estar dados de alta noutras epígrafes distintas ás recollidas no citado anexo. A data de alta deberá ser anterior á data de publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Prazo de presentación de solicitudes: Para entidades colaboradoras serán en réxime de concorrencia competitiva ata o 30 de setembro do ano 2011.

Para as axudas do ANEXO II, serán en réxime de concorrencia non competitiva ata o 10 de novembro de 2011, ou ata que se esgote o crédito orzamentario se se produce este esgotamento en data anterior

Fonte: UPD Coordina Local