Programa de incentivos ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT)

ORDE do 9 de xuño de 2014 pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT), cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2014.
Coa finalidade de impulsar a creación de novas iniciativas empresariais de base tecnolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia, esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras e proceder á súa convocatoria para o ano 2014 do programa de incentivos ás empresas previamente cualificadas e inscritas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica.
As empresas cualificadas como IEBT poderán solicitar as seguintes modalidades de axudas:
a) Subvención á creación directa de emprego estable.
b) Subvención para a contratación de persoal técnico de alta cualificación.
c) Apoio á función xerencial.
d) Subvención financeira.
e) Axuda para o inicio e posta en marcha da actividade
O prazo xeral de presentación de solicitudes de todos os tipos de axudas do programa regulado nesta orde finalizará o 30 de setembro de 2014.