AGESTIC

A porcentaxe dos autónomos galegos que contratan internet creceu un 18% no último ano

O estudo elaborado pola AMTEGA, da Xunta de Galicia, conclúe a seguinte evolución:


  • 57% dos traballadores por conta propia dispón de conexión á rede, a cifra máis alta dos últimos 4 anos.
  • Increméntase a porcentaxe de autónomos que usa redes sociais ata o 33% mentres que diminúen os que empregan páxina web.
  • Dous de cada tres autónomos con conexión a Internet empregou a rede para relacionarse coas Administracións Públicas, 6,3 puntos máis que o ano anterior.

 

A porcentaxe de autónomos galegos con servizo de internet contratado elévase ao 57,1%, a cifra máis alta desde 2014. No último ano rexistrouse un incremento de preto do 18% no número de traballadores por conta propia que contrataron internet. Así se desprende do informe “A Sociedade da Información e os autónomos/as de Galicia”, elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

O estudo sinala que en Galicia, existen 139.553 autónomos, que representan o 7,1% do total de autónomos en España. Aínda a maioría do colectivo son homes, existe unha significativa presenza de mulleres (42,1%).

 

Banda larga móbil e máis velocidade
Entre os autónomos con conexión a Internet, sete de cada dez opta pola banda larga móbil, medrando de xeito significativo no último ano, 11,2 puntos porcentuais, superando a porcentaxe media total das microempresas (69,2%) e formas societarias empresariais (66,9%).

O 59,6% dos autónomos galegos conta cunha velocidade de conexión a Internet superior aos 10 Mbps. 

O informe tamén indica que preto da metade dos autónomos galegos (49,8%) utiliza o software libre para o seu labor empresarial. O uso do software libre aumentou no último ano, tanto entre os autónomos/as como nas formas societarias empresariais.


Uso de redes sociais e servizos dixitais
Un de cada tres autónomos con conexión a Internet emprega as redes sociais, 10,3 puntos porcentuais máis que o ano anterior. O maior uso de redes sociais estase a traducir nun menor uso de páxinas web.

O uso de Internet para relacionarse coas Administracións Públicas segue a aumentar entre as microempresas galegas, en xeral, e entre os autónomos, en particular, de xeito que dous de cada tres autónomos con conexión a Internet empregou a Rede para relacionarse coas Administracións Públicas.

Preto da metade dos autónomos con conexión a Internet utiliza a Rede para liquidar os seus impostos e preto dun 30% tamén realiza declaracións de contribucións.

 

Debilidades detectadas: factura electrónica, comercio electrónico e Cloud Computing
O OSIMGA detecta a necesidade dun forte impulso na comercialización dos seus produtos a través de Internet así como unha reducida implantación da compra de servizos Cloud computing entre os autonómo galegos.

A informatización da xestión empresarial, como por exemplo, o uso da factura electrónica, tamén presenta unha implantación baixa entre os autónomos galegos. Non obstante, cabe destacar o aumento no uso da factura electrónica entre os autónomos/as, que experimentou un aumento de 5,8 puntos no envío de facturas electrónicas e de 3,2 puntos na recepción.