AGESTIC

Informe Situación Laboral Enxeñaría en Informática - Enxeñaría Técnica en Informática

informe situación laboral informáticos

o Informe sobre a Situación Laboral das Enxeñarías en Informática, realizado polo CPEIG en colaboración co CPETIG retrata a realidade profesional tanto dos enxeñeiros coma dos enxeñeiros técnicos en Informática

Dentro dos resultados que desprende o estudo, destaca destacou a alta empregabilidade dos enxeñeiros, cun 91,77 por cento traballando. Nesta porcentaxe, “é significativamente positivo que a metade dos ocupados atopara o seu primeiro emprego en menos dun mes e que a media de titulados obteña o primeiro traballo en dous meses e medio desde que comeza a procura laboral” e tamén que o 98,17% dos que traballan o fan a xornada completa e tan só un 1,83% o fai a tempo parcial.

En relación ao tipo de contrato, o 77,98% son indefinidos, “síntoma da estabilidade laboral que teñen os titulados tanto de enxeñaría coma en enxeñaría técnica informática”, sinalou o presidente do CPEIG, Fernando Suárez.

En canto aos sectores nos que os enxeñeiros obxecto do estudo desenvolven a súa profesión, a meirande parte (o 55,72%) traballan no eido privado, como se pode apreciar na seguinte táboa. Asemade, na presentación destacouse que o tramo salarial máis común dos enxeñeiros e enxeñeiras en informática é o comprendido entre os 18.000€ e os 30.000€ brutos ao ano, independentemente do sector no que traballen. Na análise do principal exercicio profesional, destaca que este se corresponde coa elaboración de proxectos informáticos, que representa o 43,78% do total.

En relación a este último aspecto, cómpre destacar que a maioría dos enquisados (94%) amosa o seu acordo con que os proxectos informáticos sempre deberan ir asinados polo autor e que, ademais, as enxeñeiras e enxeñeiros en informática deberían ter atribucións para que soamente quen posúa o título poida asinar os proxectos informáticos (afirmación coa que coincide máis do 90% dos enquisados). As competencias que consideran máis importantes para o desempeño do seu traballo son a capacidade de aprendizaxe e a adaptabilidade.

Destaca que o nivel de satisfacción coa formación recibida na Universidade é de 3,37 puntos sobre 5. A principal motivación para realizar os estudos foi a vocación no caso dos homes (56,03%) e as saídas laborais no das mulleres (55,56%). A idade dos enquisados está comprendida maioritariamente entre os 30 e os 42 anos, e a idade media é de preto de 37 anos. Destaca a porcentaxe de homes: 72,31 % do total, fronte a un 27,69 por cento de mulleres. Dentro da análise desagregada dos colexiados do CPEIG (colexio que reúne os licenciados na Enxeñaría Informática de ciclo longo), a ocupación acada o 90,77% do total.

Máis da metade das enxeñeiras e enxeñeiros en Informática acceden ao mercado laboral antes de rematar os estudos, principalmente no quinto curso. Atopan o primeiro emprego ao cabo dunha media de 2,46 meses desde que comeza a busca do mesmo e na súa traxectoria profesional levan traballando nunha media de 3,18 empresas diferentes. A maioría (79,49%) traballa por conta allea, preferentemente nunha empresa do sector privado pertencente ao eido das tecnoloxías da información e a comunicación (TIC).

Ver informe completo (ISSUU)